O Sindicato Labrego Galego ten que denunciar a que, posiblemente, é a crise máis fonda que están a atravesar os productores e productoras de leite da Galiza na súa historia. Por unha banda, sufriron unha constante baixada de prezos nos últimos dous anos e medio, o que lles obrigou a vender o leite cunha rebaixa de entre 0,04 e 0,07 euros (7 e 10 pesetas) con respecto ao ano 2001. As contas das explotacións padeceron, ao mesmo tempo, un incremento dos custos de producción do 25%.
A marxe de beneficio que a actividade leiteira xera nestas condicións é próxima ao cero e, nalgúns casos, debido ao forte endebedamento de moitas explotacións, negativa. Ademais, as explotacións de leite están a soportar unha tremenda carga lexislativa que lles obriga a realizar grandes esforzos de adaptación. Nin que dicir ten que estamos a vivir unha situación totalmente insostíbel para o sector.
Dende o Sindicato Labrego Galego, somos incapaces de ver as razóns obxectivas que ten a industria para anunciar agora unha nova reducción do prezo de entre 1 e 2 pesetas por litro, cando a experiencia nos demostra que os consumidores non van pagar menos polo producto final, e que a depreciación non responde a un exceso de oferta no mercado. Esta baixada unilateral dos prezos demostra unha actitude de franca prepotencia por parte da industria, que pretende incrementar os seus fabulosos beneficios a costa de arruinar a economía de miles de familias que dependen do sector.
A situación pode ter, ademais, outra lectura. Dende a axenda 2000, que establece a continua e paulatina baixada dos prezos –aínda que non o fai ao nivel que o sector está a soportar-, fálase da instauración dunha prima compensatoria para o leite que se vai aplicar, por primeira vez, este ano 2004. A nova Política Agraria Común establece que esta prima rozará as dúas pesetas por litro de leite, xusto o que pretende aforrar a industria a conta das explotacións. Dende o SLG sospeitamos que o sector industrial, coa nova baixada dos prezos, só pretende aproveitarse desta xusta e insuficiente compensación dirixida aos productores e embolsala na súa conta de beneficios, roubando así o que de ningún xeito lle pertence.
Esta actitude é totalmente contraria á supervivencia das explotacións lácteas, absolutamente inadmisible dentro da economía de libre mercado, e só explicable pola complicidade da Administración, que é quen ten a chave para garantir a supervivencia das explotacións que aínda nos quedan.
Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos que a única saída estable á crise debería comezar por establecer un prezo mínimo para que o leite que non baixe de 0,33 euros / litro; e por eliminar esta política de abusos que prexudica gravemente ao sector productor e á cidadanía, tanto nos prezos como na calidade.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.