O patrimonio que os gandeiros galegos teñen en cotas lácteas baixará en case 100.000 millóns das antigas pesetas (600 millóns de euros) se se chega a aplicar o decreto que Elena Espinosa pretende aprobar esta semana no Consello de Ministros, segundo cálculos realizados polo Departamento de Estudios Técnicos de Xóvenes Agricultores.
Os gandeiros galegos veñen realizando nos últimos anos un enorme esforzo inversor adquirindo cotas lácteas noutras Comunidades Autónomas. Ata o de agora, as cotas viñan servindo ós gandeiros de máis idade como unha especie de plan de pensións. Pero ese plan corre o risco de descapitalizarse, habida conta de que coas novas medidas que pretende introducir o Ministerio o prezo da cota baixará unhas 50 pesetas/quilo.
Tendo en conta que Galicia ten actualmente unha cota de 1.970.000 toneladas propiedade dos seus gandeiros, a perda patrimonial ascenderá a uns 600 millóns de euros. Cada explotación galega sufriría, pois, unha perda media de mais de 30.000 euros .
Por si fora pouco, o sistema que tenta impoñer á forza o Ministerio dana gravemente a aqueles gandeiros que se foron adaptando ás normativas europeas, limitando á súa producción á cota que tiñan, e investindo grandes cantidades en mercar toda a que necesitaran para non excederse. Agora son estes gandeiros os que non accederán á Reserva Nacional.
Diante deste intento de atropelo da ministra, os gandeiros galegos non imos tolerar tamaños despropósitos, nin imos consentir que dente a Administración Central se dicten absurdas medidas que impidan o normal desenvolvemento das nosas explotacións.
De feito, a alarma entre os gandeiros produciuse ó coñecer que o Ministerio tiña previsto, antes do 1 de abril, data en que comeza oficialmente a campaña láctea 2005/2006, aprobar un decreto polo que se suspenderán indefinidamente as compravendas de cota láctea entre particulares. Dese xeito, os gandeiros que queiran vender a súa cota no terán mais opción que acollerse ó Plan de abandono, e os que queiran adquirila só poderán solicitala da Reserva Nacional.
A xuízo de Xóvenes Agricultores o MAPA pretende eliminar de golpe o mercado libre de cotas lácteas, aprazando sine die unha posible apertura de solicitudes, que probablemente non se producirá, e se se fai será en condicións disuasorias, con elevadas peaxes para tódalas transferencias.
A intención última do MAPA é baixalo prezo da cota láctea. Desa maneira,o Estado asumiría o monopolio de intermediación en tódalas compravendas que, ademais, se realizarán ó prezo que administrativamente se fixe. Na práctica, no caso de que algún gandeiro queira comprar cota por non ter acceso á Reserva Nacional, cunha peaxe do 50%, significa que vai ter que pagar mais do dobre do prezo establecido no plan de abandono.
O Ministerio que dirixe Elena Espinosa quere pois meter man no peto dos productores galegos, quedándose coa metade da cota para repartir posteriormente cos seus criterios políticos. Se o que se pretende é realizar unha reconversión acelerada, o que debe facer o Ministerio é dotar económicamente a operación, e non facelo á conta dos gandeiros profesionais.
Xóvenes Agricultores non se opón a que o Estado tome medidas para que o prezo das cotas diminúa, pero si a que se faga desta forma traumática, alterando radicalmente as normas e reducindo de forma drástica —como xa se dixo— o compoñente patrimonial dos gandeiros, especialmente dos que apostaron pola producción e a súa permanencia no sector. Por elo, reclamamos que se manteña a posibilidade de transferir cota láctea nas condicións actuais, alomenos durante esta campaña, e namentres non exista unha alternativa consensuada co sector.
Lugo, 17 de marzo de 2005
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.