A mesa do leite do 29 de novembro durou máis de tres horas, pero dela non xurdiron acordos relevantes. A ela asistiron a Secretaria Xeral do SLG, Lidia Senra; e o responsábel dos sectores gandeiros, Xabier Gómez Santiso. A parte das informacións facilitadas pola Consellaría de Medio Rural sobre as súas xestións no tema da supertaxa ou os datos da campaña, o máis salientábel foi o debate sobre o tema dos prezos. Polo de agora, organizacións agrarias, industria e consellaría comprometéronse a traballar en vindeiras reunións sobre catro puntos: a redución das diferencias de prezos dunhas explotacións a outras e a creación dun prezo mínimo de referencia, o establecemento de mecanismos que garantan a transparencia na comercialización do leite, homologación e homoxeneización das facturas que lle emiten as industrias ás explotacións, e creación de estratexias dirixidas a facerlle fronte á distribución para que deixe de impoñer os prezos que lle conveñen.
Finalmente, as industrias informaron de que a tendencia nos vindeiros meses vai seguir sendo de prezos á baixa. Lidia Senra e Gómez Santiso deixaron claro que o Sindicato Labrego Galego non vai consentir unha nova redución do valor do leite, pois esa foi a tendencia que viñeron sufrindo as explotacións no último ano e medio. De feito, o leite xa se está a cotizar por baixo das previsións da Política Agraria Común (PAC) Unha nova caída de prezos poñería en xaque a miles de explotacións galegas que están a soportar unha marxe de rendibilidade demasiado xusta e cativa.
Polo demais, Senra e Santiso valoraron positivamente o feito de que a Consellaría de Medio Rural institucionalice as reunións entre os axentes do sector lácteo, pois é a única maneira de poder chegar a acordos futuros coma contratos homologados ou prezos mínimos de referencia.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.