O Responsábel do Sector Vitivinícola do SLG, Manuel Docampo Paradelo, presentou esta mañá en rolda de prensa o Plan de Apoio ao Sector do Viño que o Sindicato Labrego Galego solicitou no día de hoxe á Consellaría do Medio Rural mediante o depósito do mesmo no Rexistro Xeral da Xunta de Galiza.
O sector vitivinícola galego está a atravesar unha situación delicada debido a distintos factores como a baixada de consumo de viño, a diminución do volume de exportación, unha baixada de prezos, a diminución da produción por motivos climáticos, a subida dos custes de produción, etc.
O sector produtor vitivinícola galego traballou arreo nestes últimos anos orientando a produción á calidade, afondando máis na viticultura autóctona reestruturando con castes do país, mudando cara prácticas agrarias máis respectuosas co medio ambiente, …
O sector elaborador, pola súa banda, fixo un grande esforzo en tecnoloxía, en innovación e en comercialización, para o que foron necesarios grandes investimentos.
Esta aposta pola modernización, xunto coa viticultura de calidade, posibilitou a mellora substancial dos nosos viños e consecuentemente da imaxe dos viños galegos tanto no mercado interior como exterior.
A día de hoxe, o noso modelo de calidade baseado en ligar o viño á terra, á cultura, ás persoas e ás variedades autóctonas, conta cunha estrutura de cinco denominacións de orixe e tres indicacións xeográficas protexidas de viños da terra.
Dende esta actitude de esforzo realizado polo sector, e diante dos ataques aos que se ve sometido a través da venda irregular de uva e do anuncio da total liberalización do sector por parte da Organización Común do Mercado (OCM) para o 2018, dende o Sindicato Labrego Galego –Comisións Labregas solicitamos da Xunta de Galicia un Plan de Apoio ao Sector do Viño que teña en conta os seguintes aspectos:
1 Mellora e mantemento dos acesos ás zonas tradicionais de viñedo de todo o País.
2 Facer campañas adecuadas para a promoción do consumo responsable do viño entre xente moza e familias, asociado á gastronomía, tanto no fogar como na hostalería.
3 Potenciar o consumo de viño propio fronte ao foráneo, doutras comunidades autónomas, comunitario ou de países terceiros. Comezando polos cursos de cata financiados con cartos públicos, e valorando a oferta de viños propios nas axudas á hostalaría e ao comercio.
4 Axudar a manter e potenciar a cultura do viño tanto no referente ao patrimonio material -socalcos e muras; covas, adegas e outras instalacións tradicionais-, como ao patrimonio inmaterial axudando á publicación e difusión da cultura do viño, e das nosas ribeiras.
5 Elaborar e difundir un vocabulario propio para as xentes que traballamos no sector do viño, tamén para investigadores/as, hostaleiros/as e catadores/as. Partindo da investigación de todas as variantes que existen no idioma galego na nosa extensa cultura vitivinícola milenaria.
6 Elaborar e difundir metodoloxías propias para a cata e posta en valor dos nosos viños, baseada nas peculiaridades dos nosos solos, climas, variedades e practicas culturais. Para dotar ao consumidor e consumidora galega de ferramentas para apreciar mellor as calidades propias.
7 Poñer medios para impedir a entrada de uvas de fora de Galiza de xeito irregular, tanto para o autoconsumo (as “uvas do camión”) como para a elaboración.
8 Perseguir a venta de viño sen etiquetar, que normalmente véndese como “viño da casa”, nalgúns negocios de hostalaría.
9 Que a Xunta de Galicia traballe politicamente para continuar con medidas de regulación de mercado e parar a liberalización total das plantacións prevista na OCM vitícola comunitaria, medidas que de implantarse serán moi lesivas para o noso modelo de vitivinicultura.
10 Tomar medidas para impedir que Galiza perda dereitos de plantación, e consecuentemente capacidade de producir, ben por venda a outras comunidades ou ben por abandonos sen solicitar arranque de viñedos.
11 Que a Consellería do Medio Rural impulse e faga de mediadora para normalizar os contratos homologados para as castes que reporten prezos dignos e estabilidade en todas as denominacións de orixe.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.