A organización profesional agraria Xóvenes Agricultores-ASAJA Galicia considera que a ministra de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño, Rosa Aguilar, debería instar ás autoridades agrícolas da Unión Europea ao estudo de posibles saídas á actual situación de crise nos prezos dos pensos e cereais. Os incrementos de prezo destas materias primas nos últimos meses, e nomeadamente nas últimas semanas, están a provocar serias distorsións nas actividades agrarias e gandeiras ao contribuír a unha suba dos custos de explotación e á anulación, por exemplo, dos efectos beneficiosos da suba do prezo do leite percibido polos gandeiros galegos.
Os órganos rectores de Xóvenes Agricultores analizaron nestes primeiros días do ano 2011, con moita preocupación, a evolución dos prezos dos pensos e cereais. A conclusión é que nos últimos tres meses o custo medio destas materias primas subiu un 25% para os gandeiros galegos, xa que o incremento por kilo nos pensos compostos ou nas mezclas de cereais se situou nos 6 céntimos de euro por kilo (de 0,24 €/k a 0,30 €/k). Todo iso suporá, segundo unha estimación para unha explotación leiteira media, de 170.000 kilos, uns cinco mil euros anuais.
En igual o maior medida vense afectados os propietarios de explotacións cárnicas. Segundo as estimacións de XXAA, os seus gastos de explotacións subirán entre dous mil ou catro mil euros ao ano.
Estas subas implican que os custos de explotación nas granxas galegas se ven incrementados, por exemplo, en tres céntimos de euro por litro de leite, ata o punto de que as subidas de prezos aplicadas polas industrias leiteiras quedan afogadas polos incrementos dos custos de producción (e iso sen falar dos incrementos dos custos enerxéticos que tamén gravan negativamente as economías das explotacións galegas). Sen esquecer, por outra banda, que xa se amenaza cunha subida dos abonos e se está a difundir, con claro ánimo especulativo, o rumor dun desabastecemento destes produtos.
Xóvenes Agricultores ve con preocupación esta evolución á alza dos pensos e cereais e reclama do Goberno central que inste ás autoridades de Bruxelas a tomar as medidas precisas para evitar outro golpe máis ás xa maltrechas economías agrarias. XX AA lamenta, ademais, que esta suba dos cereais e dos pensos estea vencellada, dalgunha maneira, a operacións de especulacións de operadores internacionais que xogan nos mercados de futuro dos produtos agrarios.
Xóvenes Agricultores advirte, ademais, que non tomarse medidas podería vislumbrarse unha nova crise alimentaria como a do ano 2008, unha situación que xa ten sido denunciada pola FAO nun recente informe sobre a volatilidade de prezos nos mercados agrícolas.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.