Unións Agrarias esixirá á Xunta de Galicia que a futura Lei de montes regule a actividade do gando salvaxe no monte dada a conflitividade veciñal e perigosidade por accidentes de tráfico, que se está a xerar pola presenza de cabalos e vacas fóra de control.
Estes animais, que pastan en réxime de liberdade, sen ningún tipo de valados que aseguren o seu manexo seguro, están a causar numerosos conflitos veciñais, unhas veces por pastar en terreos de comunidades de montes sen autorización e outras porque baixan ás aldeas e fan estragos en repoboacións e cultivos. Ou, o que é máis perigoso, invaden as estradas, elevando en grande medida o risco de accidentes para os condutores que circulan polas vías.
Na actualidade, todo este gando debe de ter un microchip que garanta a súa identificación e pastar en terreos con autorización expresa dos seus titulares, así como contar cunha serie de garantías no seu manexo, como a existencia de peches ou valados nas marxes das vías. No entanto, é moi frecuente que esta lexislación non se cumpra, e que sexan veciños e concellos os que fagan fronte ao comiso e subhasta destes animais, ao regularse por unha Lei do ano 1905.
UUAA esixe á Xunta de Galicia que faga uso das súas competencias exclusivas nesta materia e aproveite a anunciada Lei de montes de Galicia para abordar este problema sen escusas e arbitrar un sistema eficaz que permita o comiso e retirada do monte de todos os animais que non estean identificados, saneados ou non se estean a manexar correctamente, conforme ao plan de xestión aprobado. Non poden ser veciños e concellos –que non contan cos medios técnicos nin económicos precisos– os que estean cargando con esta tarefa de comiso, seguindo unha lexislación do ano 1905, totalmente desfasada respecto á realidade do rural e da estrutura e competencias da Administración do século XXI. A gandería cabalar e vacún en réxime de liberdade, debidamente xestionada e ordenada, pode ser unha notable fonte de riqueza nalgunhas comarcas e un factor de prevención de incendios forestais, pero para iso falta o marco legal axeitado.
A Xunta de Galicia ten o deber de non seguir escondéndose, limitándose a laiarse da situación e a lanzar a pelota ao tellado dos concellos. Liderar as solucións a este grave problema, que está detrás de numerosos conflitos que terminan en lumes forestais, en actuacións fóra da lei, como os disparos a cabalos acontecidos na Estrada no ano 2010, e en accidentes de tráfico que van en aumento, podéndose citar como exemplo a provincia de Lugo, con 549 atropelos no 2005 e máis de 800 no ano 2010, ou a comarca da Limia en Ourense, onde só no mes de xaneiro deste ano se rexistraron máis de 50 incidencias deste tipo.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.