Unións Agrarias esixe nas alegacións presentadas ao borrador da Lei de Montes de Galicia que o articulado do texto legal se modifique para que se garanta a convivencia dos usos do solo agrarios e forestais.
Para o sindicato este aspecto non está correctamente resolta no texto da Lei que se propón xa que ten que ser posible pasar terreos de uso actual agrario, a uso forestal, nas zonas onde non hai unha saída agraria para os mesmos, evitando que o seu único destino no medio prazo sexa a dinámica do mato e do lume. Pero a SAU ten que ser protexida nas comarcas prioritarias de alto interese agrario, onde as explotacións teñen problemas para ampliar a súa base territorial. Nestes casos é inadmisible a transformación de solo agrario en forestal, en calquera circunstancia, incluso pasados os dez anos de abandono. Polo tanto a Lei debe de considerar alomenos a singularidade destas comarcas, e arbitrar un réxime específico que salvagarde a SAU nas mesmas.
Do mesmo xeito desde UUAA lémbraselle ao presidente da Xunta que os concellos rurais de Galicia teñen suficientes problemas con conseguir achegar os servizos adecuados que precisan as xentes do rural, como para asumir competencias en materia de gandería e montes. Pola contra é a Xunta quen ten plantillas de funcionarios especializados no eido agrogandeiro e forestal, tales como cuadrillas de traballadores, veterinarios, técnicos agrarios, capataces, vehículos e medios técnicos para o seguimento, captura e retirada do gando que pasta ilegalmente en propiedades particulares e nas Comunidades de Montes. Tamén quen ten competencias plenas para mobilizar medios de SEAGA, e a Policía Autonómica.
Acadar un marco legal pleno para a gandería mostrenca que faga imposible a súa continuidade no actual ambiente de impunidade, retiraría sen dúbida dos montes galegos un gran porcentaxe dos máis de 10.000 de lumes forestais intencionados que ven sufrindo Galicia nos últimos 15 anos. Que a Xunta non aposte por resolver este apartado, lexislando axeitadamente e escoitando as propostas que se lle están a facer dende os colectivos de agricultores, gandeiros e Comunidades de Montes, sería un acto máis de arrogancia e de actuación irresponsable de cara ao rural galego. A relación do custe cero desta medida, a eficacia acadada e o aforro inducido na diminución de incendios forestais, ten que ser motivo suficiente para que a Xunta abandone a súa pasividade, e actúe con responsabilidade. Trátase neste caso unicamente de lexislar. Non vale a escusa da austeridade que a Xunta repite unha e outra vez para xustificar os seus recortes e desatención para cos problemas dos cidadáns do rural galego.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.