O Sindicato Labrego Galego vén de constatar que boa parte das adegas que operan na denominación de orixe Monterrei están recolléndolle as uvas aos viticultores e viticultoras sen pactar previamente un prezo. É dicir: as adegas están levando a uva sen dicir a canto a van pagar por ela. Até o de agora, as adegas desta DO caracterizáronse por pagar os prezos máis baixos pola uva das cinco denominacións de orixe galegas. O feito de recoller agora a uva sen pactar previamente un prezo supón unha volta de rosca máis que afonda nas prácticas abusivas a que xa nos teñen afeitos as adegas de Monterrei.
Dende o Sindicato Labrego Galego consideramos inadmisible este tipo de prácticas, así como inadmisible nos parece a indiferenza e absoluto desleixo da Consellaría de Medio Rural diante dos abusos que, constantemente, o sector industrial exerce sobre as explotacións vitícolas da zona.
Por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego vén de presentar un escrito ante a Consellaría de Medio Rural solicitando a convocatoria urxente da mesa do viño de Monterrei, de cara a que o departamento que dirixe Samuel Juárez medie entre as adegas e as explotacións vitícolas de cara a normalizar a súas relacións comerciais con contratos homologados que fixen uns prezos xustos para as uvas de calidade, cubrindo os custes de produción e deixando uns salarios dignos na actividade vitícola da zona.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.