A asociación de propietarios de montes Ventonoso e Unións Agrarias advirten de que a eliminación das primas á enerxía eólica supón a fin do concurso eólico convocado polo goberno Feijóo na presente lexislatura, xa que ao quedar os parques galegos adxudicados nese concurso, fóra do rexistro de preasignación do Ministerio, producirían electricidade cun prezo un 40% inferior ao previsto cando se fixeron as adxudicacións, o que fará que na práctica as empresas eólicas desistan tanto da súa execución coma da dos investimentos empresariais.
O mesmo conselleiro Guerra advertía a finais de 2011 que unha rebaixa das primas do 40% proposto polo entón Ministro de Industria Sebastián poría en perigo a viabilidade do concurso eólico galego. Agora o escenario é a desaparición do 100% da prima, e non tan só unha rebaixa do 40%. Vese así comprometida a execución de 2.325 MW de potencia eólica do último concurso da Xunta, aos que hai que engadir outra bolsa de 1000 MW que están pendentes de execución en Galicia de concursos anteriores. Parques que tamén quedaron fóra do Rexistro de Preasignación, e agora quedan sen posibilidade de acceder a primas vía tarifa eléctrica.
O impacto para o rural do afundimento do concurso eólico suporá 13,7 millóns de euros menos de rendas anuais en concepto de alugueiros para propietarios afectados e comunidades de montes. A non execución do 15% dos investimentos empresariais ligados ao rural nas concesións do concurso, valorados en 802 millóns de euros (unha suma que comparativamente supón unha cantidade similar aos fondos FEADER da UE para o rural galego no período 2007-2013) e a non creación de 2.100 postos de traballo ligados a emprego rural.
Todo isto no medio dun escenario de forte destrución de emprego, falta de oportunidades e peche de explotacións, que levou á perda de 15.000 postos de traballo no rural galego nos últimos 3 anos.
UU.AA. quere advertir aos propietarios e comunidades de montes de que a partir de agora se abre un escenario novo, no que os únicos parques que se executarán serían os correspondentes a tan só 53 MW, actualmente sen executar no Rexistro de Preasignación, e aqueles outros parques que se poidan executar fóra do réxime especial, sen cobro de primas, aproveitando que Galicia conta co maior número de horas equivalentes de vento de todas as comunidades de España.
A estes parques fóra do concurso e do réxime especial habería que sumar tan só as pequenas instalacións eólicas que se poidan acoller ás disposicións sobre xeración distribuída que se acollan ao disposto no Real decreto 1699/2011, do 18 de novembro,
Mentres a situación non se clarifique, UU.AA. recomenda a propietarios afectados e comunidades de montes que non asinen contratos presentados polas empresas eólicas, xa que son cheques en branco nun escenario no que o investimento e a execución dos parques non están garantidos.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.