O pasado venres, 22 de xuño, publicouse o Decreto 136/2012, polo que se aprobou o regulamento do canon da auga e do coeficiente de vertedura a sistemas públicos de depuración de augas residuais1. Aínda que o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou no seu día que “estarán exentos os titulares de pozos e traídas particulares” e “a exclusión no canon da auga para a auga con fins agrogandeiros”, unha análise polo miúdo do decreto demostra que a Xunta e o seu presidente mentiron de novo nesta cuestión.
Nas exencións e non suxeicións que contempla a norma non figuran as captacións particulares como exentas, e boa parte do resto de disposicións que establece, están encamiñadas a articular os mecanismos de cobro ás captacións particulares. Neste sentido, a disposición adicional terceira do decreto que aproba o regulamento, obriga a titulares de pozos e traídas particulares, así como de quen faga un uso directo da auga da choiva ou do mar, a que presenten, nun prazo de tres meses dende a entrada en vigor do decreto o 1 de xullo, os datos sobre as instalacións de abastecemento e o uso a que están destinadas, para declarar o seu consumo a Augas de Galicia de cara a que esta lles cobre o canon2.
Outro engano é o de non cobrarlle o canon da auga ás explotacións agrogandeiras. Cobraráselles a todas aquelas cuxa actividade sexa “contaminante” para as augas, xa que terán que pagar o canon aquelas explotacións que sexan sancionadas en materia de verteduras de augas residuais, así como as que incumpran o Código Galego de Boas Prácticas Agrarias se así o determina a Consellería do Medio Rural nun informe. Tamén pagarán aquelas que utilicen instalacións de saneamento públicas en concepto de coeficiente de vertedura.
Máis elementos que apuntan ao carácter eminentemente recadador e lucrativo do canon, en beneficio da entidade público-empresarial Augas de Galicia, son:
Cobro estimativo: o cobro do canon da auga partirá da base de que en cada fogar residen tres persoas, de maneira que haberá que demostrar o contrario onde viva menos xente e se queira pagar menos. É de prever que a falla de información sobre este particular propicie que moi poucos fogares con menos de tres membros fagan este trámite.
O 50% de desconto no canon ás familias numerosas e a exención as que estean en situación de exclusión social ou en risco de estalo, dependerá de que as familias afectadas tramiten administrativamente estes beneficios. De novo, a falla e información e a complexidade do proceso van facer que sexan moi poucas familias as que o fagan.
O establecemento deste canon obrigará a pagar a tódalas persoas de Galiza por consumir auga e obrigará, a maiores, no ámbito rural onde existen captacións propias, a facer unha autoliquidación do canon cada catro meses, o que implicará máis gastos e trámites burocráticos para as persoas que viven no campo.
O Sindicato Labrego Galego xa amosou a súa máis frontal oposición á Lei de Augas e ao canon, por entender que privatizan e mercantilizan un dereito humano, o do acceso á auga, que debe ser universal e gratuíto. Sen ir máis lonxe, o pasado sábado, 23 de xuño, o SLG presentou 400 sinaturas en Rois (A Coruña), contra o cobro de case 500 euros en concepto de canon a unha traída veciñal neste municipio que foi construída e financiada integramente pola veciñanza en 19683.
Por todo o devandito, o SLG seguirá a pedir a derrogación da Lei de Aguas de Galicia, e continuará coa súa campaña de denuncia e de recollida de sinaturas en toda Galiza e, en especial, alí onde se cobre o canon.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.