A Organización de Productores de Leche de España (OPL) e a Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego denuncian a actitude da Conselleira de Medio Rural, que aseguran intenta debilitar ao sector lácteo. O coordinador da OPL e membro da Plataforma, Anxo Escariz, critica que «lonxe de permanecer ao lado dos gandeiros, defendendo o que tan xustamente pedimos e aplaudindo a unión do sector produtor que estamos conseguindo con moito esforzo, busca e case consigue o seu obxectivo: enfrontar aos gandeiros».
Así mesmo, Escariz, lanza unha mensaxe para os gandeiros da provincia lucense «non vos deixedes enganar coas mentiras da conselleira, o noso obxectivo está claro: encher Compostela con 5.000 tractores!». Advirte que o camiño é longo e difícil, «levamos todo o mes de agosto mobilizando as comarcas leiteiras, pero temos que ter claro que esta foi a única maneira de conseguir a atención do Ministerio de Agricultura, para que poña algo da súa parte para conseguir un acordo entre industria e distribución. Pero aínda non é suficiente, fai falta moito máis para sacar a flote ao sector do leite».
O coordinador da OPL convida aos gandeiros a manterse firmes e a «ter claro que a folla de ruta é longa e non acaba en Compostela. As arroutadas nunca nos axudaron. A gran maioría dos colectivos galegos apoian a nosa causa e xuntos podemos dobregar os poderes políticos para que fagan o seu traballo: defender a economía do noso rural».
Programa de actos previstos para Compostela:
7 de setembro:
12 h.: Chegada de tractores a Salgueiriños.
12:30 h.: Percorrido cos tractores polas seguintes rúas:
S. Caetano, Avda. Castelao, Vista Alegre, Salvadas, Galeras, S. Lorenzo, Mestre Mateo, Romero Donallo, Hórreo, Avda. de Lugo, Rodríguez de Viguri, Camiño Francés, Irmandiños, Salgueiriños.
8 de setembro:
12 h.: Concentración de tractores nas rúas lindeiras a Área Central e ao Centro Comercial As Cancelas, con reparto gratuíto de leite.
9 de setembro:
12 h.: Concentración de tractores nas rúas lindeiras ao edificio da Xunta de Galicia, en San Caetano.
16 h.: Reparto de leite gratuíto na Praza Roxa.
10 de setembro:
12 h.: Manifestación a pé, saíndo da Alameda e concentración diante do edificio da Xunta de Galicia, en San Caetano.
Dende a OPL e da Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo Galego recordan aos participantes que “a finalidade é chamar a atención da Administración sen causar alteracións da orde pública”.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.