A tenor das axudas para paliar e prever os ataques do lobo, publicadas a semana pasada, o Sindicato Labrego Galego ten que volver a criticar a inoperancia e pasividade da Consellaría de Medio Rural diante dos danos producidos pola fauna salvaxe sobre as explotacións agrogandeiras do noso País. As axudas devanditas son tan irrisorias que semellan unha burla, serán ineficaces como se ten demostrado en campañas pasadas e, desde logo, non van solucionar un problema que esta causando perdas millonarias ao agro galego.
Tamén temos que criticar a falsidade das estatísticas sobre ataques de lobo sobre o gando, que seica ascenderon a 353 en 2011. Esta cifra é moi superior, xa que Medio Rural só ten en conta os ataques que confirman os seus servizos técnicos, que non son todos. Ademais, moitas das explotacións afectadas non dan parte dos danos para evitar unhas enormes obrigas burocráticas que só serven para conseguir unhas exiguas esmolas que non cobren, nin de lonxe, as perdas ocasionadas.
Ademais, os danos da fauna salvaxe veñen causados por outras especies a maiores dos lobos e afectan a toda a sociedade. Animais como o xabaril causan estragos na agricultura e provocan, cada vez, máis accidentes de tráfico, por exemplo.
Aínda que a Consellaría de Medio Rural non o vexa, o problema da fauna salvaxe ten solucións, e no SLG temos varias propostas.
A curto prazo, a Xunta debería permitir aos territorios cinexeticamente ordenados (tecores) realizar capturas ilimitadas naquelas zonas onde determinadas especies se teñen convertido en praga, provocando fortes desequilibrios na cadea trófica e no medio ambiente, serios problemas de seguridade pública e abondosos danos na agricultura e na gandería.
Máis a longo prazo, as medidas para controlar a fauna salvaxe pasan por unha ordenación racional do territorio, conservando e mesmo aumentando a superficie agraria útil de Galiza para producir alimentos, e mantendo a prohibición de forestar terras agrarias. Deste xeito, manteríanse controlados e limitados os hábitats artificiais para a fauna salvaxe creados polas plantacións incontroladas e ilegais de especies como o eucalipto ou o piñeiro.
Por desgracia, e a pesares de ter pedido oficialmente un encontro na Dirección Xeral de Conservación da Natureza, no Sindicato Labrego Galego aínda non recibimos resposta, polo que non puidemos compartir estas propostas cos responsables de Medio Rural.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.