Representantes das organizacións profesionais agrarias Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego valoraron hoxe “positivamente” o encontro mantido co director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García Borregón, para analizar a situación derivada para gandeiros e agricultores polo plan de ordenación da ZEPA en A Limia e axilizar o seu calendario. Tanto o representante da Consellería do Medio Rural como os responsables das organizacións profesionais agrarias coincidiron en sinalar que o futuro plan de ordenación da Zona de Especial Protección de Aves garantirá que non haxa repercusións negativas sobre os usos tradicionais agropecuarios nesa zona.
O encontro celebrouse logo da aprobación polo Parlamento da reforma da Lei do Solo, na que se establece a prevalencia dos plans de conservación sobre as normas urbanísticas. Na reunión acordouse acelerar a redacción do plan de ordenación daquela zona protexida de A Limia, unha tarea na que as organizacións profesionais agrarias, como únicos interlocutores válidos diante da Administración, continuarán a facer as súas aportacións.
Ámbalas dúas partes comprometéronse a ter unha próxima reunión, nun prazo de trinta ou corenta días, para avanzar tecnicamente na redacción dese plan de ordenación da ZEPA de A Limia.
Cómpre lembrar que as organizacións agrarias Xóvenes Agricultores, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego levan xa anos traballando para que a posta en marcha deste espazo protexido non teña repercusións negativas nas actividades agrogandeiras en A Limia. Os representantes de XXAA, UUAA e SLG consideraron positiva a postura do responsable de Conservación da Natureza de considerar que a existencia e conservación de aves nesa comarca se debe fundamentalmente a actividade agropecuaria que desenvolven agricultores e gandeiros na Limia.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.