Unións Agrarias reuniuse con representantes da Mesa pola Caza de Galicia, a fin de analizar as alegacións que os cazadores veñen de presentar ao Anteproxecto de Lei de benestar de animais domésticos, presentado pola Xunta de Galicia para a súa exposición pública.
Durante a xuntanza de traballo Unións Agrarias manifestou a súa preocupación polo impacto da Lei no ámbito rural, non só a efectos dos cans de caza, senón tamén sobre posibles sancións a gandeiros que utilicen mastíns para a defensa dos rabaños do lobo, ou ben sancións polo emprego xeral de cans de traballo na gandería.
A problemática orixínase pola pretensión do Anteproxecto de Lei de non diferenciar axeitadamente os cans de compañía, dos cans de caza e traballo do rural, os que deberían en todo caso de ter a súa regulación específica. Esta falta de separación clara destes cans neste Anteproxecto de Lei, fai que se poida chegar a situacións grotescas, como que se denuncie a un propietario dun mastín de garda por poñer en risco a vida do seu can ao ter como fin enfrontarse ao lobo, ou se sancione a o propietario dun can de caza polo simple feito de empregarse nunha batida do xabaríl, tan necesarias para o equilibrio desta especie e a súa convivencia coa actividade agraria en gandeira en Galicia.
Asemade parece irracional penalizar o corte de rabos e orellas (feitos por veterinarios) de cans de traballo e caza nos que a non realización desta operación podería supoñer mutilacións durante o desempeño dos seus labores. Ou penalizar o intercambio de camadas de cachorros, feitas entre profesionais, e sen ánimo de lucro, cando é unha práctica moi recomendable que evita problemas de cosanguinidade e transmisión de enfermidades e taras hereditarias dos cans de raza. A prohibición xenérica de colares eléctricos para o adestramento de cans de traballo, tamén parece unha regulación de excesivo rigor e non xustificada, xa que se trata de aparellos que non maltratan aos cans, e que poden ser moi útiles para modificar determinadas condutas agresivas dos cans durante o seu proceso de adestramento para a garda de rabaños ou a custodia de persoas e instalacións.
Son todos eles extremos que reflicten unha norma que pode ser axeitada para animais de compañía, e cans que residen nun piso nun entorno urbano, pero que nada teñen que ver coa actividade de cans de caza, garda e traballo que tan precisos son no rural, e que nada teñen que ver con prácticas que en modo algún se poidan considerar maltrato animal.
En todo caso, de querer regularse o benestar deste tipo de cans, debería de abordarse nunha norma específica, tendo en conta que xa a dá de hoxe, existe moita normativa específica que ten que ver coa cría, adestramento, transporte e coidado sanitario deste tipo de cans e que garante o seu axeitado manexo responsable, e a posibilidade de importantes sancións para os incumpridores das normas.
Política de comentarios:
Tenemos tolerancia cero con el spam y con los comportamientos inapropiados. Agrodigital se reserva el derecho de eliminar sin previo aviso aquellos comentarios que no cumplan las normas que rigen esta sección.